sábado, 3 de mayo de 2014

Visita de Francisco Castro

O luns 28 recibimos a visita no noso centro do escritor e editor vigués FRANCISCO CASTRO. É autor, entre outros libros, de “Chamádeme Simbad”, “Un bosque cheo de faias”, “O ceo dos afogados”, (estes tres libros gañaron o Premio Frei Martín Sa


rmiento en tres edición diferentes), “As palabras da néboa”, “Spam”, etc.

Francisco Castro naceu en Vigo, hai uns aniños. É profesor de Filosofía, escritor e blogueiro, e colabora asiduamente con diversos medios de comunicación galegos, en temas sempre relacionados coa cultura.
 
Compartiu co alumnado de 1º e 2º de ESO unha interesante charla na que falou sobre as obras lidas neste trimestre: Chamádeme Simbad e Un bosque cheo de faias.

Inda que con présas debido aos seus múltiples compromisos, o  autor foi quen de atraer a atención dos nenos/as.

Contounos que o libro que leron os nenos/as 1º ESO,  CHAMÁDEME SIMBAD, foi o que máis éxito tivo. Escribiuno coa intención de sensibilizar ao mundo coa enfermidade de Alzheimer que padece a súa nai, e de explicar esta enfermidade á xente nova.

Tamén fixo referencia ao libro que leron os alumnos de 2º ESO, UN BOSQUE CHEO DE FAIAS

Grazas Francisco! Encantounos a túa visita. Queda pendente para outro ano a sinatura de libros!!!

Blogue de Francisco Castro:



viernes, 28 de febrero de 2014

ENTROIDO 2014

O Entroido chegou un ano máis ao noso cole… Nesta ocasión tampouco defraudou…. Os alumnos do colexio fixeron que todos os presentes viaxaran no tempo facendo un percorrido por diferentes etapas da historia.
Os pequenos foron os protagonistas desta especial xornada, pero tamén o foron as profes e os profes que estiveron días preparando todo con moita ilusión e dedicando moito tempo para que hoxe, na festa do Entroido, os seus alumnos, luciran como merecían. E o mesmo podemos dicir dos pais e nais que axudaron a que todo estivese perfecto no día de hoxe. A todos, moitísimas grazas por colaborar para que todos disfrutásemos desta festa de cor e alegría!!!!.



lunes, 24 de febrero de 2014

DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO

O 24 de Febreiro recordamos o nacemento desta gran poetisa galega que escribiu tanto en lingua galega coma en lingua española. No século XIX, a época na que viviu Rosalía non resultaba nada fácil porque a lingua galega quedara reducida a un mero dialecto, despreciado e desprestixiado.

Esta é unha homenaxe a nosa  é un traballo de 31 centros de todo o Morrazo, entre eles, o noso. 

24 DE FEBREIRO, DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO

Unha pequena e humilde homenaxe á nosa ilustre escritora galega:

lunes, 17 de febrero de 2014

DRAGALÍZATE!!!!

2º ESO LECTURA

O vindeiro 24 de febreiiro teremos o esperado encontro con Elena Gallego, autora de DRAGAL, unha triloxía de ficción que está  ter un gran éxito entre os lectores novos. 
No campo da novela xuvenil en galego este terreo que explora Elena Gallego achegándonos a elementos propios da nosa cultura foi todo un reto recompesado pola boa acollida que tivo o curso pasado e que está a ter tamén este ano entre os alumnos de 3º, algúns dos cales xa están no terceiro volume.
a vos contaremos como foi esta visita coa autora.... 

DRAGAL. A HERDANZA DO DRAGÓN






Para máis información consulta a páxina ofocial desta novela:
http://www.dragal.es
http://www.elenagallego.eu
ACTIVIDADES ALUMNOS

«Dragal I, a herdanza do dragón» Capítulo I «O Segredo»

  
A sombra do dragón chegaba a todas partes, aínda que Hadrián era o único que podía sentir a súa presenza. O poder de Dragal manifestaríase moi pronto, pero para aqueles que o ignoraban era un día máis, coma outro calquera.
Todos os alumnos da clase agardaban con expectación a chegada de dona Ermidas, coas cualificacións do exame de matemáticas. Sabían que, coma sempre, faría a entrada na aula logo de dous minutos de soar o timbre.
Nin un segundo antes nin despois.
A vella profesora chegou puntual, abrazando o seu cartafol no colo. Paseniño, colgou a chaqueta de la vermella no respaldo da cadeira e, logo de saudar aos presentes na aula, comezou a repartir as cualificacións polos pupitres.
- Antón… sen comentarios. Ímonos ver en setembro, e se cadra o ano que vén.
- Teresa… podías facelo moito mellor.
- Breixo … hai que usar o miolo para algo máis que levar gorra.
- Antía… siga vostede así. Un oito.
- Marta… nesta ocasión eu agardaba moito máis ca un aprobado xustiño.
- Miguel… ben, raspadiño, pero algo é algo.
Mentres a mestra seguía o seu percorrido entre as mesas, achegándose pouco a pouco ao fondo da clase, Hadrián ollou pola fiestra. A choiva petaba contra os cristais, pero o rapaz tiña a ollada posta máis alá, na fachada da vella igrexa de San Pedro.
Atopouno coma sempre, na cornixa, e sorriu cando o vello Dragal lle chiscou un ollo nun xesto de complicidade.
O resto dos alumnos, alleos aos movementos do dragón de pedra, permanecían en absoluto silencio, atentos a cada xesto da súa titora. E dona Ermidas, tamén ignorante do acontecido, seguiu repartindo exames ata chegar á altura de Hadrián.
Daquela, a profesora detivo os seus pasos e pousou o folio, esborranchado polas dúas faces coa característica escrita diminuta do rapaz, sobre a súa mesa. Na marxe superior, a carón dos datos do alumno, en vermello e resaltado nun gran círculo, destacaba un "10" que a Hadrián lle pareceu grande coma un mundo.
- Aínda non sei coma o fixeches… pero estouche abraiada - díxolle.
A faciana do mozo iluminouse cun sorriso que lle chegaba de orella a orella. Un dez! Polo rabo do ollo puido ver como a silueta de Dragal remexía na cornixa. Si, o dragón de pedra tiña a facultade de lerlle o pensamento e xa era sabedor da noticia.
Incapaz de centrar a súa atención na clase, ao soar o timbre Hadrián foi o primeiro en erguerse do asento para saír, mais non puido marchar da aula tan rápido como quixera. A profesora detívolle os pasos pousando unha man no seu ombreiro nun xesto que o rapaz non puido eludir.
- Agarda… quero falar contigo.
En segundos quedaron a soas, fronte a fronte, profesora e alumno.
Dona Ermidas observou detidamente ao rapaz, que nas últimas semanas perdera aquela ollada de neno extraviado coa que ingresara no instituto, ao comezo de curso.
- Queríache dar os meus parabéns. Desta vez fixeches un gran traballo.
A mestra estivera todo o curso moi preocupada polo mozo. Fillo único dunha familia esnaquizada pola catástrofe, chegara ao centro trasladado dende outra cidade despois de que lle morrera o pai. "O tempo é a mellor menciña para estiñar as feridas da alma", pensou a docente.
Hadrián non respondeu de seguido. A dona Ermidas pareceulle que deixaba vagar a súa ollada a través da fiestra da aula, que se abría ao seu carón, fixándoa durante un intre nalgún punto máis aló. Foi a penas un instante, e logo a súa faciana mudou nun aberto sorriso que puxo á descuberta os brackets dun corrector dental.
- Ben, desta vez fíxenlle caso e apertei os cóbados un pouco.
Esta non era a resposta que a profesora agardaba, pero entendeu que non tería outra mellor no caso de insistir. Non había nada máis que dicir así que, antes de deixalo marchar, alentouno cun breve consello.
- Segue así, pronto atoparás o camiño que estás a buscar.
"Claro que si!", pensou Hadrián, mais non dixo ren. Premeu a man que levaba no peto do pantalón, sentindo como a forza do seu talismán lle traspasaba os dedos. Sentía a enerxía no antebrazo, no cóbado, chegaba xa ao ombreiro...… Soltou antes de que lle queimase demasiado, sorriu de novo á muller e botou a andar polo corredor, cara á saída, onde Mónica estaba agardando.
Hadrián non podía falarlle a dona Ermidas do que xa sabía, dicirlle que agora xa atopara a senda que se abrira para el moitos séculos atrás, e que só estaba da súa man que se cumprise a profecía. Moi pronto