martes, 17 de septiembre de 2013

BENVIDOS/AS A UN NOVO CURSO!!!

 Benvidos un ano máis ao novo curso escolar 2013 -2014

Unha vez pasado o verán tócanos retomar a nosa tarefa educativa. Cheos de ilusión, alegría e entusiasmo volvemos á nosa escola para intentar facernos homes e mulleres de proveito.

sábado, 8 de junio de 2013

PABLO VARELA, DE 2º ESO B, 3º FINALISTA DO CONCURSO COCA COLA NOVOS TALENTOS.


Volvémolo conseguir!
A capacidade literaria dos nosos alumnos e alumnas, salpicada pola súa grande imaxinación deu como resultado que, novamente, sexan finalistas deste prestixioso concurso literario.
No certame deste ano participaron  máis de 600 estudantes de segundo de ESO na proba que se desenvolveu o pasado 12 de abril, e na que o estímulo narrativo foi "Positividad Raudales". Este era o nome e apelido do personaxe que debía converterse no protagonista do relato. Nas indicacións incluíase ademais a súa profesión, dirección de correo e outros datos que os alumnos debían incluír no relato. Os participantes dispoñían de dúas horas de tempo e non podían superar a extensión do caderno que entrega a organización, dous folios polas dúas caras, para a composición da súa historia.
Os galardóns entregáronse onte no transcurso dunha gala en Santiago

O 3º premio de Pablo Varela súmase aos que recibiron o mes pasado Carmen Fuentes e Anxela Fonseca (3º e 5º respectivamente) na modalidade do concurso literario en lingua galega.
NORABOA CAMPIÓNS!!!!


CHAMÁDEME SIMBAD

Unha estupenda versión interpretada polos alumnos de 1º ESO A

sábado, 25 de mayo de 2013

V EDICIÓN CONCURSO COCA-COLA NOVOS TALENTOS PREMIO RELATO CURTO

Carmen Fuentes e Anxela Fonseca, alumnas de 2º ESO, veñen de recoller cadanseu premio (3º e 5º respectivamente) na 5ª edición Concurso Coca-Cola Novos Talentos Premio Relato Curto, na gala que tivo lugar no Círculo das Artes de Lugo o pasado venres 24 de maio.

Parabéns ás nosas escritoras!!!!



jueves, 23 de mayo de 2013

Presentación da Triloxía DRAGAL de Elena Gallego

A Asociación Queremos Galego Marín organizou o venres 17 de maio, Día das Letras Galegas, a presentación da triloxía "Dragal" de Elena Gallego.
A autora veu compartir a experiencia de lectura da triloxía e desvelou antes o público asistente os motivos que a levaran a escribir esta saga, razón que se deixa ver tanto no nome dun dos seus protagonistas, Hadrián, como na estrutura da mesma: capítulos curtos de lectura rápida e sinxela. Pero tamén explicou un dos seus obxectivos esenciais como é o de demostrar que partindo da nosa tradición e da nosa historia podemos escribir novelas fantásticas pero con trazos de verosimilitude, situando aos seus personaxes no mundo actual, en pleno século XXI e acudindo a clase na ESO nunha vila galega, ao igual que fan os seus lectores, e citando lugares propios da nosa xeografía.


Elena Gallego veu publicada a primeira entrega grazas a un premio recibido no 2009, o Premio Caixa Galicia de Literatura Xuvenil. Tras do éxito da primeira entrega, completou a triloxía e nas portas está a aparición da cuarta parte. Terá máis continuidade? Como dixo a autora no coloquio entablado cos alumnos participantes, mentres os protagonistas sigan contando a súa historia e teñan aventuras interesantes que contar, parece ser que así será...

Ao finalizar a charla, a autora asinou os libros dos nosos alumnos e demais asistentes. Paseniño, somos máis os que imos uníndonos á Fraternidade do Dragal, o último dragón galego vivo xa para sempre á hora de soñar. 

CONCURSO POESÍA CONCELLO DE MARÍN LETRAS GALEGAS 2013


O Museo Torres foi escenario da entrega dos premios dos concursos escolares de poesía. Os premiados leron os seus traballos e recibiron o aplauso dos presentes.Tamén se entregou o premio de Poesía a Alba Quintairos Soliño pola obra A Aurora.
Velaquí tedes os gañadores












lunes, 29 de abril de 2013

LETRAS GALEGAS 2013

ROBERTO VIDAL BOLAÑO



Esquecéronse de que ata a uns actores de talento dubidoso  e de oficio incauto lles asiste, cando lles peta, o privilexio de facer o pallaso
Caprice des Dieux (1985)



RECURSOS RVB

ACTIVIDADES SEMINARIO GALÁN


viernes, 22 de marzo de 2013

FALA GALEGO

E aquí tedes o resultado.....
Agora toca animarse e cumprir co que vós ofrecedes.. Ánimo!!!

LECTURA 3ª AVALIACIÓN (2º ESO)

Finalmente, o libro que vos invito a ler é o que a continuación vos mostro. Coido que vos vai gustar.
Se tedes algún problema para adquirilo, á volta da Semana Santa comentamos outras posibilidades.
Disfrutade destes días de lecer e da lectura!!!!

DRAGAL. A HERDANZA DO DRAGÓN

Nun lugar onde a maxia é un don e non un castigo, existe a lenda dun mozo encerrado noutro plano que  vixía e espera a que alguén lle libere e déalle a oportunidade de levar a cabo a vinganza que prometeu ao seu defunto e asasinado pai. Só hai unha persoa que pode axudalo. Só a súa alma xemelga poderá salvalo. Só a que, ao seu lado, faga brillar o Círculo Perfecto. Cando o pasado dun príncipe é tan escuro que xa non sente nada no seu frío peito. Cando a vida dunha máxica moza está custodiada polos desexos dos seus avós. Cando todo parece desmoronarse, e crese que non hai ningunha saída?? Pode o amor verdadeiro entibiar un corazón manchado por demasiado sangue e rompela prisión dunha moza que non soubo nunca ser quen verdadeiramente é?? Pode a unión do Círculo Perfecto romper todas as barreiras? Evelyn, que nin sequera cría na súa propia maxia, terá que descubrilo...





Para máis información consulta a páxina ofocial desta novela:
http://www.dragal.es
http://www.elenagallego.eu

«Dragal I, a herdanza do dragón» Capítulo I «O Segredo»

  
A sombra do dragón chegaba a todas partes, aínda que Hadrián era o único que podía sentir a súa presenza. O poder de Dragal manifestaríase moi pronto, pero para aqueles que o ignoraban era un día máis, coma outro calquera.
Todos os alumnos da clase agardaban con expectación a chegada de dona Ermidas, coas cualificacións do exame de matemáticas. Sabían que, coma sempre, faría a entrada na aula logo de dous minutos de soar o timbre.
Nin un segundo antes nin despois.
A vella profesora chegou puntual, abrazando o seu cartafol no colo. Paseniño, colgou a chaqueta de la vermella no respaldo da cadeira e, logo de saudar aos presentes na aula, comezou a repartir as cualificacións polos pupitres.
- Antón… sen comentarios. Ímonos ver en setembro, e se cadra o ano que vén.
- Teresa… podías facelo moito mellor.
- Breixo … hai que usar o miolo para algo máis que levar gorra.
- Antía… siga vostede así. Un oito.
- Marta… nesta ocasión eu agardaba moito máis ca un aprobado xustiño.
- Miguel… ben, raspadiño, pero algo é algo.
Mentres a mestra seguía o seu percorrido entre as mesas, achegándose pouco a pouco ao fondo da clase, Hadrián ollou pola fiestra. A choiva petaba contra os cristais, pero o rapaz tiña a ollada posta máis alá, na fachada da vella igrexa de San Pedro.
Atopouno coma sempre, na cornixa, e sorriu cando o vello Dragal lle chiscou un ollo nun xesto de complicidade.
O resto dos alumnos, alleos aos movementos do dragón de pedra, permanecían en absoluto silencio, atentos a cada xesto da súa titora. E dona Ermidas, tamén ignorante do acontecido, seguiu repartindo exames ata chegar á altura de Hadrián.
Daquela, a profesora detivo os seus pasos e pousou o folio, esborranchado polas dúas faces coa característica escrita diminuta do rapaz, sobre a súa mesa. Na marxe superior, a carón dos datos do alumno, en vermello e resaltado nun gran círculo, destacaba un "10" que a Hadrián lle pareceu grande coma un mundo.
- Aínda non sei coma o fixeches… pero estouche abraiada - díxolle.
A faciana do mozo iluminouse cun sorriso que lle chegaba de orella a orella. Un dez! Polo rabo do ollo puido ver como a silueta de Dragal remexía na cornixa. Si, o dragón de pedra tiña a facultade de lerlle o pensamento e xa era sabedor da noticia.
Incapaz de centrar a súa atención na clase, ao soar o timbre Hadrián foi o primeiro en erguerse do asento para saír, mais non puido marchar da aula tan rápido como quixera. A profesora detívolle os pasos pousando unha man no seu ombreiro nun xesto que o rapaz non puido eludir.
- Agarda… quero falar contigo.
En segundos quedaron a soas, fronte a fronte, profesora e alumno.
Dona Ermidas observou detidamente ao rapaz, que nas últimas semanas perdera aquela ollada de neno extraviado coa que ingresara no instituto, ao comezo de curso.
- Queríache dar os meus parabéns. Desta vez fixeches un gran traballo.
A mestra estivera todo o curso moi preocupada polo mozo. Fillo único dunha familia esnaquizada pola catástrofe, chegara ao centro trasladado dende outra cidade despois de que lle morrera o pai. "O tempo é a mellor menciña para estiñar as feridas da alma", pensou a docente.
Hadrián non respondeu de seguido. A dona Ermidas pareceulle que deixaba vagar a súa ollada a través da fiestra da aula, que se abría ao seu carón, fixándoa durante un intre nalgún punto máis aló. Foi a penas un instante, e logo a súa faciana mudou nun aberto sorriso que puxo á descuberta os brackets dun corrector dental.
- Ben, desta vez fíxenlle caso e apertei os cóbados un pouco.
Esta non era a resposta que a profesora agardaba, pero entendeu que non tería outra mellor no caso de insistir. Non había nada máis que dicir así que, antes de deixalo marchar, alentouno cun breve consello.
- Segue así, pronto atoparás o camiño que estás a buscar.
"Claro que si!", pensou Hadrián, mais non dixo ren. Premeu a man que levaba no peto do pantalón, sentindo como a forza do seu talismán lle traspasaba os dedos. Sentía a enerxía no antebrazo, no cóbado, chegaba xa ao ombreiro...… Soltou antes de que lle queimase demasiado, sorriu de novo á muller e botou a andar polo corredor, cara á saída, onde Mónica estaba agardando.
Hadrián non podía falarlle a dona Ermidas do que xa sabía, dicirlle que agora xa atopara a senda que se abrira para el moitos séculos atrás, e que só estaba da súa man que se cumprise a profecía. Moi pronto.

jueves, 21 de febrero de 2013

150 ANIVERSARIO DE CANTARES GALLEGOS






 Para comprobar o que sabedes, aquí tedes unha serie de actividades sobre Rosalía. Premede na ligazón e comprobade os vosos coñecementos .

Tamén podedes ver este "prezi".

No blogue da Biblioteca do CEIP de Andrade-Pontedeume tedes estoutro xogo para ver canto sabedes.


Máis actividades:
ROSALÍA_LIM


lunes, 28 de enero de 2013

TRABALLOS DE SOCIOLINGÜÍSTICA

Excelente traballo dos alumnos de 2º ESO B promovendo o uso do galego

EN GALIZA ESTOU!!!!!

Excelente traballo (adaptación do popular Gangnam style) dos alumnos de 2º ESO B promovendo o uso do galego

martes, 8 de enero de 2013

24 FEBREIRO, DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO

O 24 de Febreiro recordamos o nacemento desta gran poetisa galega que escribiu tanto en lingua galega coma en lingua española. No século XIX, a época na que viviu Rosalía non resultaba nada fácil porque a lingua galega quedara reducida a un mero dialecto, despreciado e desprestixiado.
"Fráxil e profunda, sombra e luz, Rosalía de Castro transitou pola vida, con palabras, xa de revelación, xa de misterio, por camiños sempre adversos" FUNDACIÓN ROSALÍA DE CASTRO


Celebrar un libro que marca «o inicio da contemporaneidade en Galicia» é un dos argumentos das conmemoracións que este ano se van celebrar arredor do sesquicentenario da edición de Cantares gallegos de Rosalía de Castro.
Hai 150 anos que se publicou este libro e, a partir do vindeiro 24 de febreiro, vai celebrarse un programa de actividades presentado onte pola Fundación Rosalía, a Real Academia Galega e a Universidade de Vigo. Anxo Angueira, presidente da fundación rosaliana, sinalou que «Rosalía está máis viva que nunca e a sociedade galega vai ser un fervedoiro».
Como punto de partida para todas as celebracións escolleuse o vindeiro 24 de febreiro, Día de Rosalía, cando está convocada a Alborada para Rosalía, unha celebración estendida á que están chamados os gaiteiros de toda Galicia para interpretar cada un na súa localidade a Alborada, o poema que Rosalía de Castro situou como último texto do libro que se conmemora e que, segundo Angueira, «é unha alborada de Galicia, un texto político, unha chamada alegre, chea de ilusión e esa é a mensaxe que quere transmitir a Fundación Rosalía».

Para coñecer un pouco a súa biografía preme no seguinte enlace:

ROSALÍA DE CASTRO