viernes, 22 de marzo de 2013

LECTURA 3ª AVALIACIÓN (2º ESO)

Finalmente, o libro que vos invito a ler é o que a continuación vos mostro. Coido que vos vai gustar.
Se tedes algún problema para adquirilo, á volta da Semana Santa comentamos outras posibilidades.
Disfrutade destes días de lecer e da lectura!!!!

DRAGAL. A HERDANZA DO DRAGÓN

Nun lugar onde a maxia é un don e non un castigo, existe a lenda dun mozo encerrado noutro plano que  vixía e espera a que alguén lle libere e déalle a oportunidade de levar a cabo a vinganza que prometeu ao seu defunto e asasinado pai. Só hai unha persoa que pode axudalo. Só a súa alma xemelga poderá salvalo. Só a que, ao seu lado, faga brillar o Círculo Perfecto. Cando o pasado dun príncipe é tan escuro que xa non sente nada no seu frío peito. Cando a vida dunha máxica moza está custodiada polos desexos dos seus avós. Cando todo parece desmoronarse, e crese que non hai ningunha saída?? Pode o amor verdadeiro entibiar un corazón manchado por demasiado sangue e rompela prisión dunha moza que non soubo nunca ser quen verdadeiramente é?? Pode a unión do Círculo Perfecto romper todas as barreiras? Evelyn, que nin sequera cría na súa propia maxia, terá que descubrilo...





Para máis información consulta a páxina ofocial desta novela:
http://www.dragal.es
http://www.elenagallego.eu

«Dragal I, a herdanza do dragón» Capítulo I «O Segredo»

  
A sombra do dragón chegaba a todas partes, aínda que Hadrián era o único que podía sentir a súa presenza. O poder de Dragal manifestaríase moi pronto, pero para aqueles que o ignoraban era un día máis, coma outro calquera.
Todos os alumnos da clase agardaban con expectación a chegada de dona Ermidas, coas cualificacións do exame de matemáticas. Sabían que, coma sempre, faría a entrada na aula logo de dous minutos de soar o timbre.
Nin un segundo antes nin despois.
A vella profesora chegou puntual, abrazando o seu cartafol no colo. Paseniño, colgou a chaqueta de la vermella no respaldo da cadeira e, logo de saudar aos presentes na aula, comezou a repartir as cualificacións polos pupitres.
- Antón… sen comentarios. Ímonos ver en setembro, e se cadra o ano que vén.
- Teresa… podías facelo moito mellor.
- Breixo … hai que usar o miolo para algo máis que levar gorra.
- Antía… siga vostede así. Un oito.
- Marta… nesta ocasión eu agardaba moito máis ca un aprobado xustiño.
- Miguel… ben, raspadiño, pero algo é algo.
Mentres a mestra seguía o seu percorrido entre as mesas, achegándose pouco a pouco ao fondo da clase, Hadrián ollou pola fiestra. A choiva petaba contra os cristais, pero o rapaz tiña a ollada posta máis alá, na fachada da vella igrexa de San Pedro.
Atopouno coma sempre, na cornixa, e sorriu cando o vello Dragal lle chiscou un ollo nun xesto de complicidade.
O resto dos alumnos, alleos aos movementos do dragón de pedra, permanecían en absoluto silencio, atentos a cada xesto da súa titora. E dona Ermidas, tamén ignorante do acontecido, seguiu repartindo exames ata chegar á altura de Hadrián.
Daquela, a profesora detivo os seus pasos e pousou o folio, esborranchado polas dúas faces coa característica escrita diminuta do rapaz, sobre a súa mesa. Na marxe superior, a carón dos datos do alumno, en vermello e resaltado nun gran círculo, destacaba un "10" que a Hadrián lle pareceu grande coma un mundo.
- Aínda non sei coma o fixeches… pero estouche abraiada - díxolle.
A faciana do mozo iluminouse cun sorriso que lle chegaba de orella a orella. Un dez! Polo rabo do ollo puido ver como a silueta de Dragal remexía na cornixa. Si, o dragón de pedra tiña a facultade de lerlle o pensamento e xa era sabedor da noticia.
Incapaz de centrar a súa atención na clase, ao soar o timbre Hadrián foi o primeiro en erguerse do asento para saír, mais non puido marchar da aula tan rápido como quixera. A profesora detívolle os pasos pousando unha man no seu ombreiro nun xesto que o rapaz non puido eludir.
- Agarda… quero falar contigo.
En segundos quedaron a soas, fronte a fronte, profesora e alumno.
Dona Ermidas observou detidamente ao rapaz, que nas últimas semanas perdera aquela ollada de neno extraviado coa que ingresara no instituto, ao comezo de curso.
- Queríache dar os meus parabéns. Desta vez fixeches un gran traballo.
A mestra estivera todo o curso moi preocupada polo mozo. Fillo único dunha familia esnaquizada pola catástrofe, chegara ao centro trasladado dende outra cidade despois de que lle morrera o pai. "O tempo é a mellor menciña para estiñar as feridas da alma", pensou a docente.
Hadrián non respondeu de seguido. A dona Ermidas pareceulle que deixaba vagar a súa ollada a través da fiestra da aula, que se abría ao seu carón, fixándoa durante un intre nalgún punto máis aló. Foi a penas un instante, e logo a súa faciana mudou nun aberto sorriso que puxo á descuberta os brackets dun corrector dental.
- Ben, desta vez fíxenlle caso e apertei os cóbados un pouco.
Esta non era a resposta que a profesora agardaba, pero entendeu que non tería outra mellor no caso de insistir. Non había nada máis que dicir así que, antes de deixalo marchar, alentouno cun breve consello.
- Segue así, pronto atoparás o camiño que estás a buscar.
"Claro que si!", pensou Hadrián, mais non dixo ren. Premeu a man que levaba no peto do pantalón, sentindo como a forza do seu talismán lle traspasaba os dedos. Sentía a enerxía no antebrazo, no cóbado, chegaba xa ao ombreiro...… Soltou antes de que lle queimase demasiado, sorriu de novo á muller e botou a andar polo corredor, cara á saída, onde Mónica estaba agardando.
Hadrián non podía falarlle a dona Ermidas do que xa sabía, dicirlle que agora xa atopara a senda que se abrira para el moitos séculos atrás, e que só estaba da súa man que se cumprise a profecía. Moi pronto.

No hay comentarios:

Publicar un comentario