martes, 1 de noviembre de 2011

SAMAÍN 2011: A FESTA DAS CABAZAS

 
                                         A noite do 31 de outubro comezaba o aninovo celta. Nesta noite as ánimas dos finados voltan visitar as súas familias e as súas vellas casas para quentárense ao carón do lume e comer dos alimentos que con agarimo lles teñen preparados os parentes.
O cristianismo, adoptando o ano novo dos celtas e a súa festa á honra dos mortos, designaría o primeiro de novembro como día de Todos os Santos, e no século XII, ao día seguinte como día de Defuntos.
Chega o outono. Tempo de castañas, noces, vento, follas secas e días escuros. É o tempo de recoller o maínzo e as cabazas. É tamén o tempo en que a rapazada fai as caveiras na cortiza das cabazas, seguindo unha antiga tradición dos tempos dos celtas.
Os celtas foron uns antigos habitantes de Galicia. Un dos seus costumes era poñer unha luz acesa dentro das caveiras dos inimigos mortos. Xa hai moitos séculos que tal costume se perdeu, mais hoxe en día aínda fica a tradición de tallar unha caveira na cortiza dos melóns e poñer no seu interior unha candea que escentile pola noite.

Os celtas, antigos habitantes de terras galegas, tiñan un grande respecto polos mortos. Nas
súas caveiras poñían unha candea para que, ao escentilar pola noite, puxera medo no corazón da xente. Tal cousa facíana ao chegar os tempos escuros do ano, que ao andar o tempo, foi transformándose na festa dos defuntos. Hoxe en día xa non se practican tales crenzas, mais ao longo do tempo mantívose un costume derivado destas: tallar caveiras na cortiza das cabazas e alumealas cunha candea no seu interior.

 
 
 
 
 
 
 
 

 
Unha historia da noite de Samaín (Zaira Iglesias - 2ºESO)
Todo ocorreu nunha noite de Samaín; sabemos que os nenos sempre queren facer trasnadas, e isto ocorreulle  a un grupo de nenos  de 13 e 14 anos nada menos que no noso pobo. Si, si, aquí en Marín.       
Os nenos decidiron facer unha proba para saber quen era o máis valente. Propuxeron ir ao cemiterio e tocar as campás.  Saíron todos xuntos, colleron o camiño máis tenebroso, polo monte, detrás do colexio A Laxe. Non había ninguén, estaba todo a escuras.
Primeiro, intentaron abrir a porta, pero estaba pechada; daquela saltaron o muro. Un deles, o máis valente botou a correr, e tanxeu as campás varias veces. Este dixo que viña alguén e botaron todos a correr. Saltaron o muro como se non lles custase nada.
Cando ían costa abaixo correndo polo monte, un deles que quedou atrás; alguén o agarrou ... unha man saíu de detrás dunha árbore; o rapaz, morto de medo pensou que era unha alma que andaba vagando polo monte e pediu auxilio. Unha luz iluminoulle a cara e puido ver quen era... ¡¡¡só era un policía que andaba a facer a rolda!!!!  Preguntoulle que facía alí; o rapaz, co susto, non podía nin falar, tatexaba.
Os compañeiros seguiron correndo ata chegar á fonte; alí estaba a esperar xa o rapaz sorprendido polo policía, que o deixara marchar porque sabía que era unha trasnada de nenos.
Todo quedou nun susto, pero os rapaces non volveron ter ganas de facer trasnadas nos cemiterios e menos na noite de Defuntos .... Por se acaso.....

No hay comentarios:

Publicar un comentario