Xa podedes ver as fotos deste MAGOSTO 2011, que este ano quedou un pouco pasado por auga, polo que os nenos non puideron disfrutar da festa coma noutras ocasións. Seguro que o vindeiro curso haberá máis sorte!!!
Para velas ide á pestana de MAGOSTOou premede no seguinte enlace:
No mes de Novembro, a castaña recupera a importancia que o millo e a pataca lle arrebataron nas lareiras galegas hai varios séculos. Nestes días réndeselle culto: é o Magosto.
O aire das frías noites do 1 e o 11 de novembro levou sempre en Galicia o recendo das castañas asadas. O Magosto era o tempo que os galegos reservaban para honrar as colleitas, despois do equinoccio, un costume que nestes últimos anos se intenta recuperar.
Proclamada, de novo, "raíña", o queixume da castaña mentres é cociñada convida a compartir con familiares e amigos as horas nocturnas alumeados polas faíscas da lareira e a luz das lapas baixo o ceo raso.
Para asalas, colócase sobre o chan a foupa -agulla de piñeiro, toxo o loureiro- e enriba dispóñense as castañas, que serán cubertas por un novo manto de foupa. Cando está preparado, préndese o lume na capa de abaixo, que será a que sinale o ritmo da celebración, e en canto se apaguen as lapas indicará que as castañas están listas para comer. Con viño -nalgúns sitios adozado con mel-, chourizos e pan remata o suculento menú, e a sobremesa póñena os xogos, os contos de ánimas e monstros.
Os nenos non faltarán ao seu divertido costume: collerán un puño de cinza e tisnarán as caras uns a outros, chanza que repetirán logo cos adultos. Entre carreiriñas, berros, castañas, anacos de chourizo, charlas e grolos irá transcorrendo unha noite especial que, doutra volta en torno ao lume, tenta irmandar ao galego cuns devanceiros aos que segue unido polo vencello da tradición.
Di o refrán: "Por san Martiño faise o magosto con castañas asadas e viño ou mosto".
Novembro representa, en terras galegas, o tempo do Magosto e o comezo da temporada
da matanza do porco.
Por San Martiño celébranse reunións en casas e barrios durante as que se comen castañas asadas acompañadas por chourizos e polo primeiro viño tinto da colleita do ano.
A ORIXE DO TERMO
Hai varias teorías sobre a orixe do seu nome: mentres uns coidan que vén do latín"magus ustus" algo así co significado "gran fogueira", outros especialistas pensan que "Magosto" deriva do latín "magro" coa equivalencia de grande, con algo de "magus", máxico o feiticeiro.....
A ORIXE DA FESTA
É unha festa de orixe pagá que logo foi cristianizada, e, como tódalas festas de carácter
agrario, pode situarse na Prehistoria, cando o ser humano vai adquirindo consciencia individual e social . É unha festividade relacionada co culto á fecundidade; de aí a súa relación directa co lume, representando ó sol, deus fecundador da terra.
Trátase tamén dunha comida comunitaria e ritual que reforza os vencellos comunitarios do mundo rural, galego; ten un carácter alegre e de acción de gracias polos froitos recolleitos, así coma de homenaxe aos castiñeiros e as castañas.
Con posterioridade foi asociada aos santos e defuntos, por iso se festexa o 1 de novembro, por ser unha comida que simboliza a morte do ciclo solar anual. Máis tarde nas terras de Ourense pasou a celebrarse o día 11 de novembro, festividade de San Martiño de Tours, padroeiro da cidade das Burgas. De alíespallouse por toda Galicia, collendo novos matices.
Segundo crenzas antigas, a castaña era como un símbolo da ánima dos defuntos.
Tradicionalmente outono, castaña e defuntos aparecen asociados na festa dos magostos.
Enténdese que cada castaña comida é unha alma liberada do purgatorio. Dise tamén que despois da festa as almas viñan a quentarse nas brasas das fogueiras, polo que cumpría deixar algo de castañas para a parroquia dos mortos.
Murguía consideraba a festa do magosto coma un banquete funerario no que a castaña e o viño simbolizarían a morte e a vida.
OS ELEMENTOS BÁSICOS DO MAGOSTO
Coma elemento básico e imprescindible do magosto citaremos a castaña, nai e filla docastiñeiro.
O segundo elemento é o lume, con todo o que simboliza, como representación do deus sol dador de vida e elemento purificador.
Outro elemento importante do magosto é o viño, que non deixa de ser o sangue da terra.
Pan de centeo e millo, empanadas, chourizos, patacas (que se soen asar no lume sen depenar), e augardente para a queimada (de novo outra purificación), son suficientes para este día de troula.
Ocupa un lugar eminente a leña, outro froito da terra, para facer un bo lume.
O SECADO DAS CASTAÑAS
As castañas sécanse de diferentes maneiras: nunhas partes sécanse ao sol; noutras enforno s, e nalgunhas cúranas ao fume das cociñas.
Despois de secas, nunhas partes gardan a cáscara, e noutras móndanas e denúdanas non só da cáscara exterior, senón tamén da interior, deixándoas limpas, brancas e curadas.
Para descascalas, nuns sitios enchen un saco húmido e despois apaléano ata que lles saen as cáscaras interior e exterior, que se están ben secas, hanlles saír con facilidade; noutros sitios poñen poucas castañas no saco para collelo logo entre dous homes polos extremos, érgueno ó aire e sacódeno con forza contra un banco que poñen no medio.
O mes de Novembro é o mes do Magosto, e son dúas as datas máis correntes para a súa
celebración: o día 1 de novembro, festa de Tódolos Santos, ou o día 11, festa de San Martiño
Outra data case obrigada para comer castañas é o primeiro de Maio, chamándoselles "MAIOLAS ou MAIAS", e comíanse para "non desmaiarse o resto do ano".
Tamén se comían as castañas na Coresma cando había o costume de que non se comese carne.
Hai moitos xeitos de comer castañas: castañas asadas, castañas cocidas, caldo de castañas, etc. Para que lles sexa máis cómodo comelas, nalgúns sitios atravésanas cun fío para poder levalas a modo de colar; chámanse zonchos.
IMPORTANCIA DA CASTAÑA NA NOSA DIETA
A castaña é rica en vitaminas, mesmo asada non perde se riqueza en vitamina C, ten máis cantidade desta vitamina que a maioría das froitas e verduras. Tamén é rica en potasio, ferro, manganeso, cobre, iodo, fósforo e calcio. Poden comerse preparadas de moitas maneiras: acompañando outros manxares, en sobremesas... Na actualidade as castañas galegas expórtanse a moitos países. A sobremesa máis coñecida elaborada con castañas é o Marrón glacé.
Dalgún modo San Martiño marca o inicio dos fríos do inverno e da o punto de saída a tradición de matar o porco que se cebou coidadosamente durante todo o ano .De aí o refrán : "A todo porco lle chega o seu San Martiño"
É tempo de matanza, de reunión familiar en torno á boa mesa, de lacoadas e cocidos, de probar o viño tinto novo, que se degusta en cada casa e nos furanchos, que cada año abren as súas portas para o uso dos veciños. "En San Martiño, trompos ao camiño " refrán de vellos e non tan vellos que alude á tradición de facer rodar os trompos e vs nesbuxainas datas festivas.
Tradicionais son tamén, chegado San Martiño, os magostos; festas de exaltación da castaña con ingredientes creados nas festas celtas.
Durante os magostos ásanse as castañas, degústanse, bailase e realízanse xogos populares. Non falta o viño tinto, acompañado moitas veces de chourizos e patacas asados. O magosto non é magosto se os que participan non se pintan a cara con restos de asar as castañas.
Zaira 2º ESO B
CONTOS NO MAGOSTO ....
AS CASTAÑAS E AS PERSOASMiguel Rodríguez, 2º ESO B
Hai máis dun século, vivía nos arredores de Marín, unha pequena castaña chamada “Castiñeira”. Unha tarde de novembro veu un avó a recoller castañas, mais só atopou unha: a castaña “Castiñeira”. Esta non se decatou de que un avó viñera a recoller castañas e atopouna a ela.
Castiñeira non paraba de chorar cando o avó a colleu, pero logo foi collendo confianza con el. Na casa do avó estaba ben, pero había un perigo: unha cadela rabiosa á que moito lle gustaba comer. Castiñeira sempre estaba no peto do avó lonxe das fauces da cadela. Cando pensou que a ían cociñar, decatouse de que ela era o amuleto do avó. Isto encheuna de ledicia.
Cando morreu o avó, púxose moi triste. Procurou alguén igual de cariñoso que o avó, pero de tanto tempo que pasaba sen atopalo, colleu a enfermidade do mofo e morreu. Reencarnouse nunha persoa e o avó, nunha castaña. Encontráronse e viviron xuntos outra vez e Castiñeira xurou que non comería castañas aínda que estaban deliciosas.
A noite do 31 de outubro comezaba o aninovo celta. Nesta noite as ánimas dos finados voltan visitar as súas familias e as súas vellas casas para quentárense ao carón do lume e comer dos alimentos que con agarimo lles teñen preparados os parentes.
O cristianismo, adoptando o ano novo dos celtas e a súa festa á honra dos mortos, designaría o primeiro de novembro como día de Todos os Santos, e no século XII, ao día seguinte como día de Defuntos.
Chega o outono. Tempo de castañas, noces, vento, follas secas e días escuros. É o tempo de recoller o maínzo e as cabazas. É tamén o tempo en que a rapazada fai as caveiras na cortiza das cabazas, seguindo unha antiga tradición dos tempos dos celtas.
Os celtas foron uns antigos habitantes de Galicia. Un dos seus costumes era poñer unha luz acesa dentro das caveiras dos inimigos mortos. Xa hai moitos séculos que tal costume se perdeu, mais hoxe en día aínda fica a tradición de tallar unha caveira na cortiza dos melóns e poñer no seu interior unha candea que escentile pola noite.
Os celtas, antigos habitantes de terras galegas, tiñan un grande respecto polos mortos. Nas
súas caveiras poñían unha candea para que, ao escentilar pola noite, puxera medo no corazón da xente. Tal cousa facíana ao chegar os tempos escuros do ano, que ao andar o tempo, foi transformándose na festa dos defuntos. Hoxe en día xa non se practican tales crenzas, mais ao longo do tempo mantívose un costume derivado destas: tallar caveiras na cortiza das cabazas e alumealas cunha candea no seu interior.
Unha historia da noite de Samaín (Zaira Iglesias - 2ºESO)
Todo ocorreu nunha noite de Samaín; sabemos que os nenos sempre queren facer trasnadas, e isto ocorreulle a un grupo de nenos de 13 e 14 anos nada menos que no noso pobo. Si, si, aquí en Marín.
Os nenos decidiron facer unha proba para saber quen era o máis valente.Propuxeron ir ao cemiterio e tocar as campás. Saíron todos xuntos,colleron o camiño máis tenebroso, polo monte, detrás do colexio A Laxe. Non había ninguén, estaba todo a escuras.
Primeiro,intentaron abrir a porta,pero estaba pechada; daquela saltaron o muro. Un deles, o máis valente botou a correr, e tanxeu as campás varias veces.Este dixo que viña alguén e botaron todos a correr. Saltaron o muro como se non lles custase nada.
Cando ían costa abaixo correndo polo monte, un deles que quedou atrás; alguén o agarrou ... unha man saíu de detrás dunha árbore; o rapaz, morto de medo pensou que era unha alma que andaba vagando polo monte e pediu auxilio.Unha luz iluminoulle a cara e puido ver quen era... ¡¡¡só era un policía que andaba a facer a rolda!!!! Preguntoulle que facía alí; o rapaz, co susto, non podía nin falar,tatexaba.
Os compañeiros seguiron correndo ata chegar á fonte; alí estaba a esperar xa o rapaz sorprendido polo policía, que o deixara marchar porque sabía que era unha trasnada de nenos.
Todo quedou nun susto, pero os rapaces non volveron ter ganas de facer trasnadas nos cemiterios e menos na noite de Defuntos .... Por se acaso.....