LITERATURA GALEGA 4º ESO_SETEMBRO 2015

*** ESTES SON ALGÚNS TEXTOS COS QUE PODES PRACTICAR O COMENTARIO DE TEXTO. NON ESQUEZAS REPASAR TAMÉN OS TEXTOS DO LIBRO
COMENTARIO DE TEXTO
1. Comprensión do texto

2. Localización. Contextualización.
Relacionar co movemento literario e comparar con outros movementos paralelos na mesma época

3. Análise do contido: tema -­‐ resumo.

4. Análise da estrutura:
-­‐ MÉTRICA: verso, rima e estrofa. (e. externa)
-­‐ SEMÁNTICA (e. interna)

5. Comentario estilístico (sempre xustificando, poñendo exemplos do texto):

1. Nivel fónico: Figuras retóricas baseadas no son. Exemplos e con que finalidade se utilizan.

2. Nivel morfosintáctico: Predominio dunhas categorías gramaticais sobre outras. Sinalar que valor teñen. Sintaxe. Figuras do plano morfosintáctico (exemplos e valor)

3. Nivel léxico -­‐ semántico: Palabras clave, presenza de palabras compostas, derivadas, valor connotativo dalgúns termos, sinónimos, antónimos... Figuras e tropos do plano léxico-­‐ semántico. Poñer exemplos e indicar por que están no texto.

6. Conclusión




HIRMAUS
Camiñan ao meu rente moitos homes.
Nonos coñezo. Sonme estranos.
Pero ti, que te alcontras alá lonxe,
coma un hirmau che falo.

Si é túa a miña noite,
si choran os meus ollos o teu pranto
si os nosos berros son igoales,
coma un hirmau che falo.

Anque as nosas palabras sean distintas,
e ti negro i eu branco,
si temos semellantes as feridas
coma un hirmau che falo.

Por enriba de muros e valados,
si os nosos sonos son igoales,
coma un hirmau che falo.

Común temos a patria,
común a loita, ambos.
A miña mau che dou,
coma un hirmau che falo.
Celso Emilio Ferreiro. Longa noite de pedra.

INVERNO

Chove, chove na casa do pobre
e no meu corazón tamén chove.

Dor da mau encallecida,
dor da xente aterecida
de frío polos camiños.
Dor dos vellos e meniños.
Dor dos homes desherdados
e dos que están aldraxados.

Mágoa da ferida allea.
Dor dos que están na cadea,
dos que sofren a inxustiza
e viven baixo a cobiza.

Mágoa e loito
por tanto pranto que escoito.
No meu peito, sulagado.
soturno, fondo, calado,
un río de amor se move.

Chove,chove na casa do probe

e no meu corazón tamén chove.

(LONGA NOITE DE PEDRA).
- CELSO E. FERREIRO


EU EN TI
Eu xa te busquei
cando o mundo era unha pedra intaita.
Cando as cousas buscaban os seus nomes,
eu xa te buscaba.
Eu xa te procurei
no comenzo dos mares e das chairas.
Cando Dios procuraba compañía
eu xa te procuraba.
Eu xa te chamei
cando soio a voz do vento soaba.
Cando o silenzo chamaba polas verbas,
eu xa te chamaba.
Eu xa te namorei
cando o amor era unha folla branca.
Cando a lúa namoraba as outas cumes,
eu xa te namoraba.
Sempre,
dende a neve dos tempos,
eu, na túa ialma.
Celso Emilio Ferreiro. O soño sulagado.

CAMIÑO LONGO
Camiño, camiño longo,
camiño da miña vida,
escuro e triste de noite,
e triste e escuro de día...
¡camiño longo
da miña vida!
Vereda, vereda torta
en duras laxes aberta,
arrodeada de toxos,
crebada polas lameiras...
¡vereda torta,
ti onde me levas!
Camiño, camiño longo.
A choiva, a neve e as silvas
enchéronme de friaxe,
cubríronme de feridas...
¡camiño longo
da miña vida!
Vereda, vereda fonda
de fontes tristes, sin ágoa;
sin carballos que den sombra,
nin chouzas que den pousada...
¡vereda fonda,
ti cando acabas!
Ramón Cabanillas.

A) Que simboliza o “camiño longo”
b) Con que outras expresións se refire o poeta a esta mesma realidade?
c) ¿A voz poética ten aquí un sentimento optimista ou pesimista?
d) ¿De que elementos da natureza se serve o autor para reforzar este sentimento? (Fai unha enumeración).
e) Elixe entre as seguintes a frase que mellor exprese o tema deste poema: 
- O poema refírese ás moitas penalidades dos camiñantes.
- O poema compara de maneira simbólica a vida cun longo camiño cheo de penalidades.
- O poema fai referencia á brevidade da vida.
- O poema trata da morte como fin da existencia


DEITADO FRENTE AO MAR...

Lingoa proletaria do meu pobo
eu fáloa por que sí, porque me gosta,
porque me peta e quero e dame a gaña;
porque me sai de dentro, alá do fondo
dunha tristura aceda que me abrangue
ao ver tantos patufos desleigados,
pequenos mequetrefes sin raíces
que ao pór a garabata xa non saben
afirmarse no amor dos devanceiros,
falar a fala nai,
a fala dos abós que temos mortos,
e ser, co rostro erguido,
mariñeiros, labregos do lingoaxe,
remo i arado, proa e rella sempre.
Eu fáloa por que sí, porque me gosta
e quero estar cos meus, coa xente miña,
perto dos homes bos que sofren longo
unha historia contada noutra lingoa.
Non falo pra os soberbios,
non falo pra os ruíns e poderosos,
non falo pra os finchados,
non falo pra os estúpidos,
non falo pra os valeiros,
que falo pra os que agoantan rexamente
mentiras e inxusticias de cotío;
pra os que súan e choran
un pranto cotidián de volvoretas,
de lume e vento sobre os ollos núos.
Eu non podo arredar as miñas verbas
de tódolos que sofren neste mundo.
E ti vives no mundo, terra miña,
berce da miña estirpe,
Galicia, doce mágoa das Españas,
deitada rente o mar, ise camiño...

Celso Emilio Ferreiro. Longa noite de pedra.

DEITADO FRENTE AO MAR...
Lingoa proletaria do meu pobo
eu fáloa por que sí, porque me gosta,
porque me peta e quero e dame a gaña;
porque me sai de dentro, alá do fondo
dunha tristura aceda que me abrangue
ao ver tantos patufos desleigados,
pequenos mequetrefes sin raíces
que ao pór a garabata xa non saben
afirmarse no amor dos devanceiros,
falar a fala nai,
a fala dos abós que temos mortos,
e ser, co rostro erguido,
mariñeiros, labregos do lingoaxe,
remo i arado, proa e rella sempre.
Eu fáloa por que sí, porque me gosta
e quero estar cos meus, coa xente miña,
perto dos homes bos que sofren longo
unha historia contada noutra lingoa.
Non falo pra os soberbios,
non falo pra os ruíns e poderosos,
non falo pra os finchados,
non falo pra os estúpidos,
non falo pra os valeiros,
que falo pra os que agoantan rexamente
mentiras e inxusticias de cotío;
pra os que súan e choran
un pranto cotidián de volvoretas,
de lume e vento sobre os ollos núos.
Eu non podo arredar as miñas verbas
de tódolos que sofren neste mundo.
E ti vives no mundo, terra miña,
berce da miña estirpe,
Galicia, doce mágoa das Españas,
deitada rente o mar, ise camiño...
Celso Emilio Ferreiro. Longa noite de pedra.
1) Versificación.
a) Número de estrofas do poema:

b) ¿Que caracteriza á primeira e terceira estrofas e ós versos que as compoñen desde o punto de vista métrico? ¿Que nome reciben estes versos?
c) Fíxate na segunda estrofa. ¿Que características métricas presenta?
2) Estructura interna do poema.
a) Como terás observado, todo o poema é unha declaración de principios sobre as razóns do poeta para expresarse en lingua galega. Na primeira estrofa cítanse dúas destas razóns. A primeira é porque lle dá a gana. ¿Cal é a segunda?
b) Na segunda estrofa dáse unha nova razón. Explícaa.
c) ¿Como entendes a frase do poema “sofren longo unha historia contada en outra lingua”

d) Na terceira e última estrofa o poeta explica a quén van dirixidos os seus poemas. Resumindo o quen din os versos, explica ti:
- ¿Para quen non fala?
- ¿Para quen fala?
- ¿Por que Galicia está no grupo dos destinatarios dos seus versos?

e) Tendo en conta todo o anterior, escribe unha frase que sirva para resumir o asunto ou tema deste poema.
3) Recursos empregados polo autor na construcción do poema.
Como xa temos visto, este é un poema de reafirmación dunha vontade, a de expresarse en lingua galega. A maioría dos recursos empregados polo poeta contribúen a facer máis forte e expresiva esta vontade.
a) Na primeira estrofa o autor cualifica o galego como lingua proletaria: lingua dos traballadores, dos humildes. A continuación aparece unha enumeración das razóns na que a forza expresiva vén reforzada polo uso do polisíndeto. ¿En que consiste este recurso?
b) O mesmo valor expresivo ten o feito do 3o e 4o versos coa mesma expresión, porque me...,¿Que nome recibe este recurso?
c) Ó final da primeira estrofa atopamos unha enumeración moi áxil de substantivos: mariñeiros, labregos da lingoaxe
remo i arado, proa e rella sempre.
Que valor simbólico teñen estes substantivos?


d) A segunda estrofa comeza repetindo exactamente un verso xa empregado.
¿Como se chama este recurso? ¿Que valor expresivo ten?
e) Fíxate na terceira estrofa. ¿Que observas nos cinco primeiros versos? ¿Que valor expresivo ten?
f) Os versos seguintes son antitéticos dos anteriores ¿Que quere dicir isto? Nestes versos aparece a seguinte expresión metafórica:
pra os que súan e choran
un pranto cotián de volvoretas,
de lume e vento sobre os ollos núos. ¿Como interpretas esta metáfora?

g) Nos últimos catro versos hai unha personificación referida a Galicia, de quen se di que vive no mundo, que está deitada rente o mar. Tamén para referirse a Galicia atopamos dúas metáforas. Búscaas e escríbeas. Busca e escribe tamén outra metáfora referida ó mar.
4) O texto no seu contexto. Completa:
a) Libro ó que pertence o poema:
b) Ano da súa publicación:
c) ¿Que repercusión social tivo este libro?
d)¿Que temas aparecen nel?
e)¿En cal destes temas incluirías o poema comentado?

f)¿Atopas algunha relación entre o tema deste poema e o momento histórico no que foi escrito?




TEXTOS NARRATIVOS:
  O pai de Migueliño chegaba das Américas e rapás non cabía de gozo no seu traxe festeiro. Migueliño sabía cos ollos pechados como era o seu pai; pero denantes de saír da casa botoulle unha ollada ó retrato.
..Os americáns xa estaban desembarcando. Migueliño e a súa mai agardaban no peirao do porto. O corazón do rapás batíalle na táboa do peito e os seus ollos esculcaban nas greas en procura do pai ensoñado.
..De súpeto avistouno de lonxe. Era o mesmo do retrato, ou aínda mellor portado, e Migueliño sentiu por il un grande amor, e canto máis se achegaba o americán, máis cobiza sentía o rapás por enchelo de bicos. Ai, o americán pasou de largo sin mirar para naide, e Migueliño deixou de querelo.
..Agora si, agora si que o era. Migueliño avistou outro home mui ben traxeado e o corazón dáballe que aquil era o seu pai. O rapás devecía por bicalo a fartar.
..¡Tiña un porte de tanto señorío! Ai, o americán pasou de largo e nin tan sequera reparou en que o seguían os ollos angurentos dun neno.

..Migueliño escolleu así moitos pais que non o eran e a todos quixo tolamente.
..E cando esculcaba con máis anguria fíxose cargo de que un home estaba abrazando a súa mai. Era un home que non se parecía ó retrato; un home mui fraco, metido nun traxe mui frouxo; un home de cera, coas orellas fóra do cacho, cos ollos encoveirados, tusindo...
..Aquil si que era o pai de Migueliño.

CASTELAO(Cousas)
  COMENTA:
1. ÉPOCA e MOVEMENTO CULTURAL(o grupo Nós e o seu labor). AUTOR(vida e obra)
2. ARGUMENTO DA NARRACIÓN(partes e resumo delas).TEMA.
3.PERSONAXES(tipos).MARCO.
4. NARRADOR(exemplos e por que é dese tipo)
5.  DESVÍOS DA NORMA(negriña) FIGURAS(subliñadas)
6 .SÍNTESE E INTERPRETACIÓN PERSOAL.


O comenzo das cousas
–Como, señor? Non me aparto do conto nin un instante... Estou a decir as cousas polo seu comenzo, que unhas viñeron das outras e sin unhas nos houberan pasado as outras tampouco.
–Que han de ser disculpas! Eu non teño ren de que me disculpar que eu nada fixen, pois a ollar as cousas que pasan diante dun non é culpa dun, por máis que llas apoñan ou que llas queiran apoñer.
–Feitos? Feitos sonlle todos, tanto os que pasan fóra dun coma os que pasan dentro dun. O que pasou, pasou. E arestora xa ren queda do que pasou fóra dun, senón dentro dun. Agora todo está dentro de min, e si non me peta de me baleirar do que teño dentro, pois o que pasou queda como si non tivera pasado.
–Deus lle me libre! Téñolle todo o respeto que vostede merez. Pro tamén teño que decir as cousas como sei decilas e non podo decilas de outro xeito, por mais voltas que lle dea. A máis deso, os feitos, como vostede me enseña, por máis que faga non veñen a mamoria uns detrás doutros, todos en fía, senón todos xuntos e mesturados, coma si o tempo se mesturase tamén e todas as horas se tivesen mesturado sen se querere asoparar unhas das outras. Ó que foi de día, se me poño a matinar, aínda podo conquerirlle certa disposición.
Pro o que pasou á noite... a noite está ateigada de cousas, todas tan xuntas que mesmo me somella que non puido habere tempo para tanto, coma si foran moitas noites xuntas, unhas a cabo de outras, ou unha noite moi longa, sen día no entremeio; ou como cousas desaceitadas, sen antes nen dempois, que nin eu mesmo me entendo... a máis diso, tiven moitas vegadas o “pensamento”, que me veu moi seguido, e daquela é coma si me ceibasen do tempo e de todo, coma si estivese e non estivese...
Conque indo ó caso, a tía Esquilacha, como cheirou que había cartos, fíxonos unha boa tortilla de patacas, chourizos e cebola, e tamén uns pementos fritos, que comimos na cociña, ó pé do lume, onde os arrieiros estaban a asar castañas novas que traguían nunca saqueta.


Comentario de texto:
A. LECTURA COMPRENSIVA

B. CONTEXTUALIZACIÓN, LOCALIZACIÓN OU ADECUACIÓN
1.     Localización (Autor, vida, obra, contexto)
2.    O fragmento reflicte a realidade social da época na que foi escrito?
3.    Cal é a intención comunicativa deste texto? Relaciónaa coa intencionalidade da obra.

C. TEMA OU COHERENCIA
4.Identifica o tema do texto
5.Resume brevemente o contido do fragmento.
6.   Sinala os elementos comunicativos máis destacables neste fragmento: Quen é o narrador?, quen participa na narración? Como se chama esta técnica? Por que a utiliza?
7.Personaxes, espazo e tempo

D. ESTRUTURA OU COHESIÓN
8.  ESTRUTURA EXTERNA: Cantos parágrafos hai?
9. ESTRUTURA INTERNA: Indica a súa estrutura e as ideas que se desenvolven en cada parte.
10. Aspectos morfosintácticos:
- Tempos verbais e persoa gramatical que predomina no texto, abundancia ou non de substantivos, adxectivos….
- Cales son as estruturas sintácticas máis empregadas? (oracións simples, compostas coordinadas, subordinadas, xustapostas)
11. Aspectos léxico-semánticos: Que é o máis destacable do léxico? (Rexistro lingüístico, lingua empregada, que pretende o autor? Campos semánticos predominantes, cultismos, vulgarismos, dialectalismos, tecnicismos...)
12. Aspectos estilísticos: figuras retóricas ou estilísticas que aparecen no texto (relacionalas co contido)

e. OPINIÓN ARGUMENTADA
13. Consideras que o autor consegue o seu propósito?





Os primeiros berros viñan da banda do camiño; despois pareceume que saían do resío.
Seguín no meu trafego de amorear terra coas mans. Tamén construín un forno, de croios, e arrinquei millán para poñerlle darredor. Non me movería dalí. Fixen a promesa de fuxir para sempre da casa, se meu pai me volvía a zoscar.
-¡Balbinoooo!
Sentino por miña nai, e pola tía Carme, pero que se amolen. Elas tamén me tiñan bourado, e ademais facíanme rezar. Todos son contra min. Dende o padriño ata meu irmán Miguel, que inda na víspora de irse para América turroume dos pelos porque lle andiven na caixa das ferramentas.
Pola tardiña andaban búscandome todos os da casa e tamén algúns veciños. Berraban preto, lonxe, no agro e nas corredoiras. O meu nome foi e veu polo aire en toda a aldea. Xa se fora o sol e inda non me atoparan. Moita xente que non lle importaba de min, andaba na miña busca. Era coma se procurasen o raposo ou quixeran dar caza ó porco bravo. Eu, mentres, seguía facendo pontes e fornos, xuntando croios, esfarelando cadullos.
Anoitecía cando sentín bafexar detrás do meu lombo, despois dun maino ruxido de follas de millo. Revireime. Era Pachín, o can. Pachín tamén me buscaba. E deu comigo. Traguía a lingua fóra e viña fadigado.

- CONTEXTUALIZACIÓN (Localización:Autor, vida, obra, contexto) O fragmento reflicte a realidade social da época na que foi escrito? Intención comunicativa deste texto. Relaciónaa coa intencionalidade da obra.
- ANÁLISE DO CONTIDO: Tema, contido do fragmento. Elementos comunicativos destacables: narrador, personaxes, espazo e tempo. ESTRUTURA EXTERNA (parágrafos) / ESTRUTURA INTERNA ( ideas que se desenvolven en cada parte)
- ANÁLISE DA FORMA: Aspectos morfosintácticos:  Tempos verbais e persoa gramatical que predomina no texto, abundancia ou non de substantivos, adxectivos…. Estruturas sintácticas máis empregadas (oracións simples, compostas coordinadas, subordinadas, xustapostas) Aspectos léxico-semánticos ( o máis destacable do léxico. Rexistro lingüístico, lingua empregada, que pretende o autor? Campos semánticos predominantes, cultismos, vulgarismos, dialectalismos, tecnicismos...) Aspectos estilísticos: figuras retóricas ou estilísticas que aparecen no texto
- CONCLUSIÓN: Resumo dos aspectos máis relevantes analizados no comentario.  Opinión personal argumentada

Se se cabrea, que se cabree. A min qué. Aguanto e adeus. Vaime matar ou qué. Se se cabrea, hala, a beber, a beber e a cantar, ou qué. Xa sei o conto. Nada de berros nin barullos. Coñezo ben o choio. Nin sequera me di borracho, non, ela ben sabe. Abóndalle ai, meu Deus, ai, meus filliños, ela ben sabe. Se se cabrea, que se cabree. Ás doce e media non me meto eu na casa. Non me meto, non, ou qué. Vou estar de oito a oito dando clases e logo nada, non, home, non. Veña, que se cabree. Ai, meus filliños, ai, ai, que estou canso. Porque un home pódese cansar e despois, boh, é mellor calar porque me estou cansando de ter alí, no primeiro banco, ao fillo do Chevrolet, con cara de touciño, porque me estou cansando e un día ponse de xeonllos sen máis porque me dá a gana, porque estou canso de ver a cara de parvo que ten, que parece un apalominado, me cago nel, qué burro, ai, que lle vou dicir ao Chevrolet que o poña a cavar ou que o meta nun comercio, que o raparigo non serve, que é tatexo e non me sabe dividir por decimais, cara de touciño, cara de non sei qué que ten o porco ese. E se se cabrea, tamén me cabreo eu, que xa está ben de apandar ou qué, que non vai ser sempre día de santo entroido. Veña, que se bebo é á miña conta, que non lle pido a ninguén e se lle pido, mellor, que se pides, prestan ó oito, que xa podes ter a muller para dar a luz, que non hai volta, quince mil e ao oito e se non che convén, aos morcegos, a papar vento, que bastante favor din que che fan, que se expoñen, que os recibos ao fin non serven para nada, que non che van quitar a pel ou que aínda que findes na cadea iso non importa, que con ir un á cadea eles non cobran e que se che embargan, o embargo non vale o que tiñan que cobrar, que se me cabreo vou coller o vaso e vouno escachar contra o chan e se quero non deixo un vaso san, que xa veremos cómo me arreglo en xaneiro, que me vén o quinto en camiño e aínda que traía o pan debaixo do brazo o pan heino mercar eu, ou qué. E a algún voulle mandar o vaso á cabeza, que de min non se ri ninguén nin naceu fillo de nai que me bata, que me estou cansando e vai ser ela, que me estou cansando e cando me canso non respondo, que xa está ben, ou qué, tento mirar de esguello nin niño muerto, tanto mirar así, como se non foses xente o como se non tiveses ollos, que moitos pensan que un é parvo como o fillo do Chevrolet, que ten cara de touciño, que algún se vai acordar da nai que o pariu. E se lle toca ó fillo do Chevrolet, tócalle, que ten o ángulo facial obtuso de dez graos. Anda, anda, pinta, parvo, pinta un ángulo recto, que non sabes o que é, home claro que non sabes porque tes o ángulo facial obtuso de dez graos, ai, ai, ai, que non o sabes, que ninguén sabe nada, ai, meus filliños, ai, van rematar parvos por falta de vitaminas D ou C e o fillo do Chevrolet e os cen mil fillos de San Luis e os mil lapóns de lonxe, da Laponia, do frío, que din que si, que si señor, e aplaudir asi: plaf, plaf, plaf, todos, que aplaudan todos, que todo o mundo aplaude, que hai que aplaudir, si, si, si señor, que a ver se pensan que un é parvo, ou qué, ou que un as pasa negras, negrísimas, porque está mellor visto dicir que se pasan brancas, ai, que se me abre a boca, a... que teño sono, soneiro, sonámbulo, sonámbulos todos: eu e o taberneiro e as virxes de oitenta anos histérico sonámbulo perdidas e os perdidos, sonámbulos tamén, ai, sonámbulos os meus filliños, ai, que meu home é un perdido, pero non o di, eso non o di, ai, que non o di, que non o di, frere xaque din din don, que non o di, que non o vin, pero dixéronme que si: “gallegos y animales”, ou algo así, o carteliño da estación de Madriiii, piiii, que estou trompa e qué, se son de provincias e qué, porque ao mellor non somos xente e temos o ángulo facial obtuso e falta de vitamina D, algún vaise acordar de min e dos chotís e agora voume porque quero e non me manda ninguén porque son “y son y son unos fanfarrones”, faraones, ones, óns, millóns, que son cousas da fonética, ética, estética, dietética, cosmética. Voume. Unha, dúas, tres...
Carlos Casares. Vento ferido.

Comentario de texto:
A. LECTURA COMPRENSIVA

B. CONTEXTUALIZACIÓN, LOCALIZACIÓN OU ADECUACIÓN
8.   Localización (Autor, vida, obra, contexto) Relaciona co movemento literario ao que pertence
9.   O fragmento reflicte a realidade social da época na que foi escrito?
10. Cal é a intención comunicativa deste texto? Relaciónaa coa intencionalidade da obra.

C. TEMA OU COHERENCIA
11.  Identifica o tema do texto
12.  Resume brevemente o contido do fragmento.
13. Sinala os elementos comunicativos máis destacables neste fragmento: Quen é o narrador?, quen participa na narración? Como se chama esta técnica? Por que a utiliza?
14. Personaxes, espazo e tempo

D. ESTRUTURA OU COHESIÓN
8.  ESTRUTURA EXTERNA: Cantos parágrafos hai?
9. ESTRUTURA INTERNA: Indica a súa estrutura e as ideas que se desenvolven en cada parte.
10. Aspectos morfosintácticos:
- Tempos verbais e persoa gramatical que predomina no texto, abundancia ou non de substantivos, adxectivos….
- Cales son as estruturas sintácticas máis empregadas? (oracións simples, compostas coordinadas, subordinadas, xustapostas)
11. Aspectos léxico-semánticos: Que é o máis destacable do léxico? (Rexistro lingüístico, lingua empregada, que pretende o autor? Campos semánticos predominantes, cultismos, vulgarismos, dialectalismos, tecnicismos...)
12. Aspectos estilísticos: figuras retóricas ou estilísticas que aparecen no texto (relacionalas co contido)

e. OPINIÓN ARGUMENTADA

13. Consideras que o autor consegue o seu propósito?

No hay comentarios:

Publicar un comentario