jueves, 27 de octubre de 2016

O MEDO E O DÍA DE DEFUNTOS



Un dos relatos de Ánxel Fole foi levado ao cine nunha curtametraxe realizada co gallo da conmemoración do Día das Letras Galegas adicado ao narrador lugués. 



Curtametraxe sobre o relato "Os defuntos falaban castelao", pertencente Á lus do candil, de Ánxel Fole.


1.- ELEMENTOS FANTÁSTICOS QUE APARECEN NA OBRA:
Os elementos fantásticos que aparecen en A lus do candil, pertencen o mundo do fantasmagórico e descoñecido. Trasgos, visións, aparecidos… pobran os relatos e convértense en impulsores da narración, pois son, na mayoría dos casos, responsables do desenlace dos contos.
Dos quince relatos en sete deles móstranse de xeito claro estes elementos. Son, xeralmente, visións ou soños onde aparecen pantasmas, estrañas personaxes e situacións (¡Viña do alén¡, Arxemiro, ¡Aleluia!, O espello…) que desacougan as personaxes que non comprenden o seu significado, case sempre relacionado coa morte de alguén.
Especialmente arrepiantes son tamén Arxemiro, ¡Aleluia! e o Traxe do meu tío. No primeiro é o propio Arxemiro o que ten unha visión sobre a súa morte. No segundo a morte persegue o protagonista por unhas rúas desertas ata a súa habitación onde logra librarse dela. No terceiro o tío do rapaz protagonista interpreta o soño da tía como a súa futura morte.
Noutras ocasións as visións non teñen nada que ver cos protagonistas como ocorre en ¡Viña do alén!, O espello e O tesouro.
Ademáis destes sete contos, existen outros catro onde os elementos fantásticos son tamén parte do relato. En dous deles (A cabana do carboeiro e As meigas atinan sempre) veñen da man do vaticinio das meigas, neste caso, en ámbolos dous contos é a mesma meiga de Torgán que atina coa morte do carboeiro e coa perda do cabrito en As meigas atinan sempre, se ben neste último obsérvase sentido do humor no desenlace.
Este humor aparece tamén nos outros dous contos restantes (O lordanas e Os difuntos falaban Castelao), aínda que o primeiro remate tráxicamente, nestes xógase co equívoco. As personaxes confunden a persoas de carne e óso con pantasmas saídas das súas tumbas do cemiterio, provocando situacións humoríticas sobre todo en Os difuntos falaban Castelao.
Todos estes elementos fantásticos son tamén elementos de temor, se nos situamos no ambiente no que son relatados, nunha noite de inverno a carón do lume: “As noites de inverno son boas para os trasgos, para as meigas, para os tobos… E para quen escoita contos de miedo sentindo romba-lo vento”.
2.- ELEMENTOS COSTUMISTAS NESTA OBRA:
Toda a obra é un gran exemplo de costumismo galego. Partendo do escenario onde son contados os relatos, a carón dunha lareira ou cheminea nunha noite de inverno. Ata os propios contos son un retrato, no medio da historia, da Galicia labrega.
A temática dos contos (lobos, meigas, aparecidos) forma parte da cultura galega e eran propios deste tipo de situacións, ante o lume no inverno. Non faltan tampouco referencias as feiras, romerías e festas, tan comúns na Galicia do rural e tamén das vilas. Así os tratantes de ¡Viña do alén!, veñen da feira de Rubián. A Subela de As meigas atinan sempre vai vende-las faliñas roubadas á veciña á feira de San Clodio.
En canto as romerías e festas, en Arxemiro fálase das festas do verán: San Antón, San Xoán, San Pedro, e os protagonistas van de troula polo campo da festa. Tamén fálase do San Froilán en O traxe do meu tío e en Antón de Cidrán onde hai referencia o costume de ir comelo pulpo ás feiras.
Ademáis desta referencia gastronómica, existen na obra outras que están moi presentes na cultura e costumes galegas, como son: os magostos, a queimada, a lamprea (“hastra lampreas que don Diego mandara a buscar os seus criadeiros do Sil”)… Ademáis de moitas referencias o viño da zona onde se desenvolven os relatos: “moita sona ten o viño daquila ribeira, e non sen motivo”.
Fálase tamén de como son as vivendas, dende os pazos as cabanas (“Era unha casoupa coas paredes de terra e o teiro de ramas de xesta”). Da roupa dalgúns persoaxes (“levaba capa de xuncas e zocos”), dos traballos: as tarefas labregas como a colleita, a recollida de castañas… da minería como os carboeiros e os pizarrantes, da caza e a pesca (“Por iso son chamadas estas terras o paraíso do cazador e do pescador”)…
Todos estes elementos, dos cales moitos cegaron os noso días, serven para encuadrar a obra nun marco, non só xeográfico (o Caurel) senón tamén, temporal que axuda a súa mellor comprensión.
3.- A PRESENCIA DA MORTE NOS RELATOS:
A morte aparece en tódolos relatos agás en Terra do Caurel, que serve de introducción e presentación.
Esta presencia constante da morte, ó tratarse de contos de misterio onde se busca provoca-lo medo, convértese nun elemento moi importante, xa que o descoñecido e a morte están detrás de tódolos medos.
Este elemento está tratado de diferentes formas. En ocasións se presenta a modo de visións ou soños que afectan os protagonistas de maneira diferente, e que estes deben interpretar para comprendelos, como ocorre en Arxemiro e Antón de Cidrán onde as visións refírense a morte dos protagonistas. Outras veces, como en Viña do alén, O espello e O traxe do meu tío, refírense á morte doutros.
En ¡Aleluia!, sen embargo e a propia morte a que persegue a súa víctima a través de rúas desertas.
Outra forma de tratala morte nos relatos é a morte violenta, aquela onde homes son mortos por querer entrar nas casas a roubar (A caixa de morto, O tesouro), onde os lobos atacan as persoas nos montes (Os lobos), ou onde os celos levan a morte ó amante e anos despois o seu descendente no mesmo lugar (O tesouro).
Xunto coa morte aparecen outros elementos mortuorios como os ataúdes, cemiterios, sepulcros e tumbas que axudan a crear un ambiente tétrico e de medo.
Non tódolos contos teñen un final tráxico, en O documento, un rapaz abandonado pola súa moza amenaza con suicidarse tirándose dunha árbore ante unha multitude de familiares e veciños que tratan de disuadilo, sucedéndose así as situacións cómicas co lamento final do tío do rapaz pola intervención do fidalgo que convence ó rapaz, perdendo así o tío a posibilidade de quedar coa herdanza.
Algo semellante ocorre en As meigas atinan sempre e en Os difuntos falaban Castelao, neste último dous namorados son confundidos con ánimas saídas das tumbas do cemiterio.
Agás estes exemplos a morte é real e sálese coa súa, pois son moitas as mortes que se contan nos relatos. Sendo, deste xeito, un ingrediente esencial, xa que todo xira arredor dela e do medo que ésta produce.
4.- RASGOS DIALECTAIS EN “A LUS DO CANDIL”:
O galego empregado na obra corresponde ó falado na zona do Caurel. O autor usa esta variante para darlle unha importancia a lingua falada polo pobo.
O propio autor refírese a isto cando no primeiro conto fai unha paréntese para falar da lingua: “Fálase polo Caurel un galego que non se pode confundir… por ter moitas verbas e xiros propios”.
Tamén di que é un galego enxebre e arcaico, dando moitos exemplos: que é ou que era por que é, us por uns ou unhos, i por e…
Fálase dun i en moitas palabras: forcia, aldeia, iagua…
Son diferentes tamén, o uso de certas formas verbais dos pretéritos e futuros rematados en -in: cantein, fuín, agarderein…
Hai incluso máis dunha forma nalgunhas palabras como outro e autro, sexa e seña, cimo e cumial…
Ademáis destes exemplos apuntados polo autor, non existe na zona nin gheada nin seseo que son propios doutras comarcas. Sen embargo, si se obseva a variante dialectal -ao en lugar de -an ó final de algunhas palabras como irmao por irmán, mao por man.
Outras palabras e expresións propias que aparecen na obra son: faguía por facía, soio por só, de sutaque por de súpeto.
Espagar, liame… Son palabras que corresponden a certa forma de chamarlle a certas cousas diferente á outras zonas galegas.
Todo este vocabulario confire a obra dunha personalidade única o tempo que serve para centrala nun espacio xeográfico.


O galego máis aló da morte

O galego máis aló da morte,  funerais,  necrolóxicas e lápidas en galego...

BEN FALADO 73, 304


viernes, 21 de octubre de 2016

GALICIA, PAÍS DE MORTOS


O Outono é o tempo da morte en Galicia. Ten a súa lóxica se observamos a caducidade da natureza, (lembra que a palabra outono: "auctu-" + "annum" poderiámola traducir como "ano medrado, acabado ou maduro") e que segundo parece nos tempos remotos a cultura da prehistoria seica tamén celebraba algo así coa festividade do Samaín. Daquela xurdiu unha especie de peregrinación cara a Fisterra, máis antiga que a do que logo sería o Camiño de Santiago, que sería unha "romaría" cara o Alén, a Illa do Mortos situada nalgún lugar non moi lonxe da costa Atlántica (o poeta Cabanillas no século XIX falaba de Sálvora e recentemente arqueólogos galegos dirixen a súa atención cara a illa do Areoso no mesmo mar de Arousa).



Coa chegada dos romanos e logo do Cristianismo as crenzas mediterráneas foron solapándose sobre as outras atlánticas que tiñan tamén certas semellanzas. Os romanos creron que o río Limia sería o río do Esquecemento, un río que tradicionalmente atravesaban os mortos na derradeira viaxe. Os romanos facíanse eco seguramente do que contaban os historiadores gregos que pensaran que na nosa Terra achábase a fin do Mundo,lugar onde cada día morría o sol (un dos traballos de Heracles, co xigante Xerión localízouse de vello en Galicia e mesmo unha entrada cara ao mundo dos Mortos... da que logo se farán eco unha lenda asturiana e outras galegas que mantiveron viva esa idea ata os nosos días (Cova do Pico Sacro ou en Compostela).


O Cristianismo foi facendo medrar a idea do Purgatorio e as ánimas en pena, a celebración do Día de Defuntos que se instaura dende o Vaticano e polos Papas da Idade Media. Dende aquela o mes de novembro en Galicia foi o mes de Santos ou Defuntos que multiplicará, en época histórica, as tradicións e crenzas enraizadas dende a prehistoria no noso país. Vexamos este vídeo sobre "Santo André de Teixido onde vai de morto quen non foi de vivo"


A relación de Galicia coa morte logo será unha relación moi especial e que carga de identidade aos seus habitantes. Imos buscar algún argumento máis: A crenza popular e tan galega da Compaña, e doutros moitos avisos da morte (morte branca e moura, o paxaro da morte, a Estadea...) o feito de que o magostosexa unha celebración no que a castaña ben sexa un símbolo das ánimas (castañas que se botaban dende os campanarios nos adros das igrexas) ou ben alimento que se lle deixa na mesa tradicionalmente na noite de Defuntos (sendo común deixarlle tamén un posto nesa mesa ou simplemente sen recoller os restos da cea costume que aínda se conserva por exemplo no Morrazo). E que diremos sobre outros aspectos do culto aos mortos como o tan coñecido das choronas (a chorar a Cangas)hoxe case perdido ou o restaurado recentemente co tallado das cabazas, que algúns relacionan coas caveiras con candeas dos celtas no Samaín?

(Fonte:http://www.blogoteca.com/verbavolant/)