Os alumnos de 3º ESO A ofrécennos unha entrevista a Filgueira Valverde no seu particular "Especial Sálvame Deluxe". Bo traballo!!!
miércoles, 20 de mayo de 2015
viernes, 8 de mayo de 2015
LETRAS GALEGAS 2015 - Xosé Fernando Filgueira Valverde
Xosé Fernando Filgueira
Valverde, controvertido intelectual galego, foi co-fundador do Seminario de
Estudos Galegos e director do Instituto Padre Sarmiento e o Museo de
Pontevedra. Presidiu o Consello da Cultura Galega e foi membro da Real Academia
Galega. É autor dunha moi numerosa obra, nomeadamente nos campos da historia,
literatura, arqueoloxía e antropoloxía de Galicia. Adícaselle o Día das Letras
de 2015 polo seu traballo a prol da cultura galega.
A súa notoria precocidade permítelle, con apenas 17 anos, dirixir a sección de Historia da Literatura no Seminario de Estudos Galegos (SEG). Son anos nos que verán a luz os seus primeiros traballos: Os nenos e “Cantigas de El Rei Sabio localizadas en Galicia. San Ero de Armenteira”, no 1925, e o Vocabulario popular galego-castelán, xunto con Tobío, Magariños e Cordal, no 1926.
A década dos 30 foi igualmente intensa para Filgueira non só no tocante á súa actividade política, traballando a prol do Estatuto e participando na fundación do Partido Galeguista, senón tamén na cultural. No 1931, colabora na edición e difusión do Álbum Nós de Castelao e publica a Guía de Pontevedra. Un ano máis tarde, escribe a peza teatral Agromar. Farsa pra rapaces que non se editará ata 1936.
Durante a guerra exerceu como profesor no Instituto de Lugo e alí descubriu o primeiro traballo lexicográfico sobre o galego, o vocabulario manuscrito do Bacharel Olea.
A teima de visibilizar Galicia e reconstruír a súa historia lévao a recompilar e clasificar, en fichas bibliográficas, artigos relacionados coa cultura galega que se difundirán en distintos números da revista Logos. O mesmo afán, móveo tamén a iniciar o Inventario de monumentos arqueolóxicos que se completará, posteriormente, naCatalogación arqueolóxica e artística de Galicia.
No ano 40 ocupa a vicepresidencia da Comisión Provincial de Monumentos Histórico-Artísticos de Pontevedra e, máis tarde, asume a dirección do Museo de Pontevedra, onde inicia as senlleiras exposicións monográficas temporais, tan características do Museo. Dous anos máis tarde, pasa a ser membro da Real Academia Galega, pon en marcha a revista Museo de Pontevedra e dá a coñecer o Cancioneiro Musical de Galicia. No ano 1948 funda, xunto con outros intelectuais, Bibliófilos Gallegos, editorial bilingüe na que divulgará, nestes anos de ditadura, obras en galego ou de temática galega.
Xa no 1953, é nomeado membro da Real Academia da Lingua e do Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento. De 1959 a 1968, é alcalde de Pontevedra, cargo que compaxinou co de procurador en cortes, posto este dende o que loitou pola presenza legal do galego no ensino. Así, chegada a democracia, aos 75 anos, participa na elaboración e aprobación da Lei de normalización lingüística (Lei 3/1983) e dirixe o deseño da base legal do Consello da Cultura Galega e os traballos para a aprobación da correspondente Lei no Parlamento (Lei 8/1983). Será nomeado presidente desta institución aos 84 anos.
A súa fecunda actividade intelectual desenvólvese ininterrompidamente ao longo de máis de 70 anos, con máis de 300 obras e milleiros de artigos sobre as máis variadas disciplinas. Un humanista, un erudito, o último gran polígrafo galego.
Suscribirse a:
Entradas (Atom)