BO NADAL
¡Para todos e para todas! Sen distincións. Especialmenteb para os pobres que ocupan o primeiro lugar, ao xeito de Deus que se achegou ao mundo en Xesús, pobre, sinxelo e no mundo dos excluídos.
Cómpre reflexionar. Por enriba da nosa fe/crenza, a todos nos tiña que preocupar acadar máis coherencia como persoas. Polo feito de selo e por respecto á tradición. Como cristiáns, por fidelidade a Xesús. Celebramos que Deus chega en sinxeleza, humildade e pobreza. Vén compartir vida e amosar camiños. E nosoutros enchemos as rúas e as nosas casas de luces, festas, comidas e bebidas caras. E baleiramos o corazón.¡Reina o consumo!.
Cos nosos abusos, humillamos aos que non teñen pan que levar á boca, aos inmigrantes sen traballo, aos sen teito. Non reparamos neles. Nin nos veciños con pensións de miseria. A Humanidade vai ser liberada do mal, da inxustiza, da violencia...cando sexa reorientada cara á forza que vén da Luz, do Amor, da Xustiza (que leva a un xusto reparto dos bens/riquezas) o que fai posible manter a Esperanza. Esa salvación é a que nos ofrece Xesús. Ese é tamén o Nadal que temos de compartir e celebrar! ¡Bo Nadal a todos/as!