miércoles, 4 de mayo de 2016

LETRAS GALEGAS 2016: MANUEL MARÍA

Manuel María Fernández Teixeiro naceu en Outeiro de Rei o 6 de outubro de 1929 e faleceu na Coruña o 8 de setembro de 2004. A súa prolífica obra, sempre impregnada dun fondo compromiso social, abrangue distintos xéneros, dende a poesía á narrativa pasando polo teatro e o ensaio


No ano 1942 comezou en Lugo os seus estudos de bacharelato ao tempo que agromaba xa unha temperá vocación pola escrita. Alí, logo de coñecer a Uxío Novoneyra, integrouse na tertulia do Café Méndez Núñez onde compartiu inquedanzas con autores tan destacados como Pimentel, Fole, Cunqueiro, Carballo Calero, Iglesia Alvariño ou Rof Codina. Con eles entrará en contacto co galeguismo, tanto o interior como o do exilio.
Nestes anos, dará a coñecer os seus primeiros poemas na revista literaria Xistral, fundada por el mesmo en colaboración co seu amigo Manuel Antonio Sopena.
No ano 1950, publica o seu primeiro poemario, Muiñeiro de brétemas, o primeiro libro en galego editado despois da Guerra Civil e co que se inaugura unha das correntes poéticas máis significativas da posguerra, a coñecida como "Escola da Tebra".
En 1956 Manuel María coñece á que será a súa compañeira e musa, Saleta Goi. A parella casa en Lugo tres anos máis tarde e pouco despois instálanse os dous en Monforte de Lemos, onde o poeta exercerá a actividade profesional de Procurador ata a súa xubilación.
Na década dos 60 e 70, leva a cabo unha intensa actividade política na clandestinidade, comprometido coa defensa dos movementos nacionalistas e implicado en múltiples iniciativas de promoción e recuperación cultural (conferencias, recitados, concertos...). O activismo político levouno a ser elixido, en 1979, concelleiro de Monforte polo Bloque Nacional Popular Galego.
Na súa fecunda obra cómpre salientar poemarios como Terra Chá (1954), Mar maior (1963), Libro dos pregos (1962), Cancións do lusco ó fusco (1970), Poemas ó outono (1977), Compendio de orballos e incertezas (1991), Poemas a Compostela (1993) ou o emblemático Os soños na gaiola (1968) dirixido ao público infantil. Deixounos tamén obras narrativas coma O bigote de Mimí (2003); dramáticas: Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela (1979) ou a Farsa de Bululú (2007); e ensaísiticas: Poetas entre a tradición e a modernidade. Luís Amado Carballo e a súa escola poética (1997) .
Esta intensa traxectoria literaria fíxoo merecedor de numerosos galardóns entre os que destacan: en 1976, o I Concurso de guións cinematográficos de Nós. Cinematográfica Galega; o premio “Celanova, casa dos poetas”, outorgado en 1990, ou o “Pedrón de Ouro”, recibido en 1994 na Casa Museo de Rosalía de Castro.
Manuel María, referente obrigado da literatura galega da segunda metade do século XX, revélasenos como unha figura singular non só pola riqueza creativa e temática da súa obra senón tamén polo compromiso íntimo coa súa cultura, coa súa lingua, co seu pobo.

Se queres investigar, velaí a ligazón para acceder a unha U.D. sobre o autor:


Aínda que é unha mágoa que esta composición de Manuel siga estando vixente na actualidade, cincuenta anos despois de cando foi escrita, podemos escoitala na cálida voz de Uxía (cun magnífico acompañamento musical)  para conmemorar a data de nacemento do autor. O vídeo realizado por ANTONIO RECAMÁN DE 4º ESO B. Parabéns!

Poema ROSAS recitado por MANUEL MARÍA

MANUEL MARÍA. A PALABRA ESTREMECIDA E ALERTADA

AUDIOS POEMAS DE MANUEL MARÍA

FOTOBIOGRAFÍA

OBRA
Páxinas:  1 2 3 4
Muinheiro_de_Bretemas.jpg

Muiñeiro de brétemas

Colección Benito Soto
Pontevedra, 1950
Morrendo_a_cada_intre.jpg

Morrendo a cada intre

La Voz de la Verdad
Lugo, 1952
Advento.jpg

Advento

Galicia do Contro Galego de B. Aires
Bos Aires, 1954
Terra_Cha.jpg

Terra Cha

Ediciones Celta
Lugo, 1954
Documentos_personaes.jpg

Documentos personaes

Ediciones Celta
Lugo, 1958
Libro_de_pregos.jpg

Libro de pregos

Ediciones Celta
Lugo, 1962
mar_maior.jpg

Mar Maior

Galaxia
Vigo, 1963
sonhos.gif

Os soños na gaiola

Cartonaxes Anmi
Lugo, 1968
118 pp.
Proba_documental.jpg

Proba documental

Edicións Xistral
Monforte, 1968
44 pp.
Versos_pra_Cantar_en_Feiras_e_Romaxes.jpg

Versos para cantar en feiras e romaxes

Edicións Patronato da Cultura Galega
Montevideo, 1969
54 pp.
Versos_pra_un_pais_de_minifundios.jpg

Versos para un país de minifundios

Edicións Nós
Bos Aires, 1969
20 pp.
Cancions_do_lusco_ao_fusco.jpg

Cancións do lusco ao fusco

Edicións Xistral
Monforte, 1970
46 pp.
Remol.jpg

Remol

Edicións Nós
Bos Aires, 1970
112 pp.
Odes_num_tempo_de_paz_e_de_alegria.jpg

Odes nun tempo de paz e de ledicia

Razao actual
Porto (Portugal), 1972
63 pp.
Páxinas:  1 2 3 4

martes, 10 de noviembre de 2015

VÍDEOS ROMANTICISMO ALUMNOS 4º ESO

Fantástico traballo realizado polos alumnos de 4º ESO. Tratábase de crear unha historia imitando o estilo de Bécquer en "El monte de las ánimas", utilizando os temas e tópicos románticos da liberdade, a morte, a angustia vital, a evasión, o suicidio, a natureza acorde cos sentimentos, os elementos fantásticos e misteriosos, o mundo sobrenatural, o destino adverso, a existencia atormentada, a visualización do propio enterro … E todo iso co obxectivo de emocionar e conmover. Valorade vós, eu creo que o conseguiron!!!

 Parabéns polo voso esforzo!!!



miércoles, 20 de mayo de 2015

ESPECIAL SÁLVAME DELUXE FILGUEIRA VALVERDE

Os alumnos de 3º ESO A ofrécennos unha entrevista a Filgueira Valverde no seu particular  "Especial Sálvame Deluxe". Bo traballo!!!

viernes, 8 de mayo de 2015

LETRAS GALEGAS 2015 - Xosé Fernando Filgueira Valverde

Xosé Fernando Filgueira Valverde, controvertido intelectual galego, foi co-fundador do Seminario de Estudos Galegos e director do Instituto Padre Sarmiento e o Museo de Pontevedra. Presidiu o Consello da Cultura Galega e foi membro da Real Academia Galega. É autor dunha moi numerosa obra, nomeadamente nos campos da historia, literatura, arqueoloxía e antropoloxía de Galicia. Adícaselle o Día das Letras de 2015 polo seu traballo a prol da cultura galega.







A súa notoria precocidade permítelle, con apenas 17 anos, dirixir a sección de Historia da Literatura no Seminario de Estudos Galegos (SEG). Son anos nos que verán a luz os seus primeiros traballos: Os nenos e “Cantigas de El Rei Sabio localizadas en Galicia. San Ero de Armenteira”, no 1925, e o Vocabulario popular galego-castelán, xunto con Tobío, Magariños e Cordal, no 1926.
A década dos 30 foi igualmente intensa para Filgueira non só no tocante á súa actividade política, traballando a prol do Estatuto e participando na fundación do Partido Galeguista, senón tamén na cultural. No 1931, colabora na edición e difusión do Álbum Nós de Castelao e publica a Guía de Pontevedra. Un ano máis tarde, escribe a peza teatral Agromar. Farsa pra rapaces que non se editará ata 1936.
Durante a guerra exerceu como profesor no Instituto de Lugo e alí descubriu o primeiro traballo lexicográfico sobre o galego, o vocabulario manuscrito do Bacharel Olea.
A teima de visibilizar Galicia e reconstruír a súa historia lévao a recompilar e clasificar, en fichas bibliográficas, artigos relacionados coa cultura galega que se difundirán en distintos números da revista Logos. O mesmo afán, móveo tamén a iniciar o Inventario de monumentos arqueolóxicos que se completará, posteriormente, naCatalogación arqueolóxica e artística de Galicia.
No ano 40 ocupa a vicepresidencia da Comisión Provincial de Monumentos Histórico-Artísticos de Pontevedra e, máis tarde, asume a dirección do Museo de Pontevedra, onde inicia as senlleiras exposicións monográficas temporais, tan características do Museo. Dous anos máis tarde, pasa a ser membro da Real Academia Galega, pon en marcha a revista Museo de Pontevedra e dá a coñecer o Cancioneiro Musical de Galicia. No ano 1948 funda, xunto con outros intelectuais, Bibliófilos Gallegos, editorial bilingüe na que divulgará, nestes anos de ditadura, obras en galego ou de temática galega.
Xa no 1953, é nomeado membro da Real Academia da Lingua e do Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento. De 1959 a 1968, é alcalde de Pontevedra, cargo que compaxinou co de procurador en cortes, posto este dende o que loitou pola presenza legal do galego no ensino. Así, chegada a democracia, aos 75 anos, participa na elaboración e aprobación da Lei de normalización lingüística (Lei 3/1983) e dirixe o deseño da base legal do Consello da Cultura Galega e os traballos para a aprobación da correspondente Lei no Parlamento (Lei 8/1983). Será nomeado presidente desta institución aos 84 anos.
A súa fecunda actividade intelectual desenvólvese ininterrompidamente ao longo de máis de 70 anos, con máis de 300 obras e milleiros de artigos sobre as máis variadas disciplinas. Un humanista, un erudito, o último gran polígrafo galego.


sábado, 3 de mayo de 2014

Visita de Francisco Castro

O luns 28 recibimos a visita no noso centro do escritor e editor vigués FRANCISCO CASTRO. É autor, entre outros libros, de “Chamádeme Simbad”, “Un bosque cheo de faias”, “O ceo dos afogados”, (estes tres libros gañaron o Premio Frei Martín Sa


rmiento en tres edición diferentes), “As palabras da néboa”, “Spam”, etc.

Francisco Castro naceu en Vigo, hai uns aniños. É profesor de Filosofía, escritor e blogueiro, e colabora asiduamente con diversos medios de comunicación galegos, en temas sempre relacionados coa cultura.
 
Compartiu co alumnado de 1º e 2º de ESO unha interesante charla na que falou sobre as obras lidas neste trimestre: Chamádeme Simbad e Un bosque cheo de faias.

Inda que con présas debido aos seus múltiples compromisos, o  autor foi quen de atraer a atención dos nenos/as.

Contounos que o libro que leron os nenos/as 1º ESO,  CHAMÁDEME SIMBAD, foi o que máis éxito tivo. Escribiuno coa intención de sensibilizar ao mundo coa enfermidade de Alzheimer que padece a súa nai, e de explicar esta enfermidade á xente nova.

Tamén fixo referencia ao libro que leron os alumnos de 2º ESO, UN BOSQUE CHEO DE FAIAS

Grazas Francisco! Encantounos a túa visita. Queda pendente para outro ano a sinatura de libros!!!

Blogue de Francisco Castro:



viernes, 28 de febrero de 2014

ENTROIDO 2014

O Entroido chegou un ano máis ao noso cole… Nesta ocasión tampouco defraudou…. Os alumnos do colexio fixeron que todos os presentes viaxaran no tempo facendo un percorrido por diferentes etapas da historia.
Os pequenos foron os protagonistas desta especial xornada, pero tamén o foron as profes e os profes que estiveron días preparando todo con moita ilusión e dedicando moito tempo para que hoxe, na festa do Entroido, os seus alumnos, luciran como merecían. E o mesmo podemos dicir dos pais e nais que axudaron a que todo estivese perfecto no día de hoxe. A todos, moitísimas grazas por colaborar para que todos disfrutásemos desta festa de cor e alegría!!!!.